Unha pequena traza para un home, un camiño para a humanidade
5 Outubro 2008
En Pontevedra están a desenrolarse unha serie de obradoiros e conferencias baixo o título de Praza efémera: Cidade e espazos públicos, organizados por Pontevedra Cultura. Alí estivo a falar Juan Freire sobre Redes, espazos públicos e cultura dixital na cidade contemporánea, de como o a rede se vai incorporando a eses espazos físicos para se converter nun novo lugar de encontro e socialización.
De entre os moitos exemplos desta converxencia da rede coa cidade apuntou OpenStreetMap (OSM), proxecto comentado algunha vez nesta casa, onde somos os propios cidadáns os que creamos o mapa. Como tantas outras iniciativas na rede naceu como un espazo de intervención cidadá, neste caso concreto, para dar resposta á imposibilidade de utilizar sen previo pago información xeográfica (rueiros, mapas de estradas ou ubicacións dos códigos postais) da Ordnance Survey, a axencia cartográfica británica. Iso foi en 2004 no Reino Unido; desde entón e extendéndose polo mundo, usuarios de OSM colaboran con moitos outros na creación de mapas.
Alguén dirá que temos o Google Maps, Live Maps ou outro similar para consultarmos mapas gratis, ou My Maps, para crear os nosos mapas e engadirlles información xeolocalizada, ou mesmo o MapMaker, unha ferramenta tamén de google que permite engadir e editar estradas, topónimos, rúas, puntos de interés,… mais só nos países nos que google permite editar os mapas; ver o xerado polos usuarios de MapMaker en Islandia comparado co da mesma Islandia en googlemaps. O problema reside en que o mapa creado cos datos xerados sobre os googlemaps se considera unha obra derivada e adquire, segundo os seus termos de uso, as condicións da licencia orixinal (o mapa sobre o que ubicamos e marcamos calquera cousa) e pasan ser propiedade de Google, imposibilitándonos manipular ou exportar esa información xeográfica que lle facilitamos.
O máis claro exemplo deste mercadillo déunolo Luistxo na entrada na que comentaba a noticia do acordo entre Google e Teleatlas, propiedade de TomTom, no que Teleatlas usará os datos creados polos usuarios de Google e esta levará a cartografía de Teleatlas a google earth e google maps.
De modo que los usuarios pueden colaborar con Google, darle su contenido gratis renunciando a todos sus derechos, de modo que Google se lo pase a Teleatlas y TomTom te cobre 180 euros por la próxima renovación de la cartografía que vaya a necesitar el GPS de tu coche el año que viene.
Mentres tanto, evitando esas restriccións, as estatísticas de OSM seguen medrando e recollen máis de 66.000 usuarios rexistrados, entre os que me inclúo, que levan cartografiado máis de 22 millóns de quilómetros de vías.
Así, hai lugares nos que a cartografía de OSM supera en calidade a calquera outra (moitas zonas de Gran Bretaña, Alemania ou Holanda), sendo tal que levou ao buscador inmobiliario Nestoria a desbotar os de google para a Illa de Wight ou, logo, a incorporalos nunha versión experimental de Nestoria UK e España; un exemplo, Nestoria sobre o mapa de OSM en Ferrol.
Noutros casos e por mor da adopción dunha filosofía similar á da wikipedia, destaca pola obxetividade dos datos representados e mais polas actualizacións periódicas da cartografía. Así, é a fonte máis fiable para coñecer os tramos operativos nas autoestradas galegas ou, coma cando hai uns días unha estrada que pasa tamén por terras galegas, a N-634, se partía pola metade á altura de Eibar, ese tramo non tardaba en desaparecer de OSM tal e como se apuntaba, outra vez e case en directo, desde o Mapamóvil.
Esta inmediatez e a calidade dos datos amosados valoriza frente ás solucións cartográficas comerciais se cabe aínda máis esa intervención que parte dos cidadáns para dar resposta á necesidade dunha liberdade da información e de ubicar os nosos espazos públicos en mapas dos que non se poida apropiar ninguén. Falta moito por facer pero o futuro está aí.
Neste noso cachiño de terra o avance vai de vagar pero firme. Para que vos fagades unha idea, entre esta captura de OpenStreetMap

e estoutra a seguir, do día de onte, van apenas seis meses.

O futuro pinta moi prometedor, o tempo nolo dirá e alá o veremos.
p.s. só apuntar que non contaba botar todas estas letras, pero a charla de Juan, ademais de permitirme coñecelo e escoitalo en persoa serviu de detonante para tentar contar algo máis sobre este atractivo proxecto, tanto que tentarei darlle algún tipo de continuidade comentando outros aspectos; tampouco contaba atopar a ninguén coñecido pero alí estaba Daniel, o humano que está detrás de Comunisfera, acordar en cambiar a páxina do twitter pola barra dun bar despois da charla, todo un pracer.
Mapa da rede de transporte do sistema eléctrico ibérico
25 Setembro 2008
O Mapa do sistema eléctrico ibérico é unha colección de 36 documentos en formato PDF nos que Red Eléctrica Española dividiu a Península Ibérica e mais dos arquipélagos dos Açores, Madeira, Canarias e Baleares para amosarnos a escala 1:1.000.000 o mapa completo da súa rede de transporte de enerxía eléctrica.

É curioso ver como as estradas, cidades e mais accidentes xeográficos pasan a un segundo plano para darlle o protagonismo ás liñas eléctricas representadas segundo as súas tensións, ás centrais hidráulicas, térmicas, nucleares ou eólicas e mais aos transformadores e ás subestacións.
Atopado, como tantas outras cousas interesantes, en La Cartoteca, do melloriño que hai a falar sobre mapas en toda a arañeira.
P.S. Malia que eses 36 documentos tamén están ao noso dispor nun só PDF de 43,5 MB co mapa enteiriño, cómpre saber que a ordenadores cativos pódeselle atorar.
Vigo, recuperando a memoria
17 Setembro 2008
Hai pouco chegoume un cd con fotos dun Vigo que moitos de nós nin cheiramos. Duascentas unha imaxes subidas a Picasa nun album que nomeei Vigo, a cidade perdida; a súa autoría éme descoñecida, agás por unhas poucas asinadas e supoño pertencentes ao Arquivo Pacheco.

Moitas teñen sido protagonistas do blog Arquitectura e Urbanismo de Vigo, pero non outras tantas. Teñen case todas en común unha vellez na que se pode comprobar o Vigo que podería ser agora e non é.

Pero vistas as actuacións previas e mais o PXOM, só nos queda a fotografía.
p.s. e postos a comentar fotos antigas, outras dúas iniciativas, a de A vella e nobre Brigantium, recopilando imaxes da Coruña e a do Concello de Porriño co seu Arquivo da Imaxe de Porriño.
Porque paga a pena saber onde vivimos e ver o que lle fixemos ao noso.
Carman, Nokia ao volante
11 Setembro 2008
Unha das aplicacións que me faltaban por instarlarlle ao tablet era Carman, unha aplicación para maemo que convirte o Nokia Tablet nun analisador OBD2, unha ferramenta de diagnose e monitorización do rendemento do motor; e foi só que a instalei ao fío dun apunte do brenlla no que falaba de LinuxICE, un sistema operativo baseado en Ubuntu e deseñado para ser implementado en coches (que teñan algún tipo de carputer) e que tamén bota man do proxecto Carman, software libre que chega desde o brasileiro Instituto Nokia de Tecnologia, o berce de Canola.

Se algunha vez te preguntaches pola luz que se prendía no cadro de instrumentos e se era importante, ou queres ter máis información do que pasa debaixo do capó, Carman ten a resposta ás túas preguntas sen ir polo taller a que lle conecten a “máquina” e ver porque dá ese erro.
Carman se comunica co sistema OBD do carro, que é o que monitoriza o motor, vía bluetooth (tamén evitando tirar cable) a través dun scanner OBD, un aparello que se conecta nun porto que a maioría dos coches, case todos desde finais dos 90 e obligatorio en Europa desde 2001, levan por riba dos pedais ou baixo do volante.
Se a información que che ofrece o carro che parece pouca, Carman é para ti, pois mide toda a información que dan os sensores do coche, desde as voltas ás que xira o motor ata a velocidade á que nos desprazamos, pasando pola temperatura do refrixerante, a carga á que traballa o motor, a presión que mandan os inxectores, un 0 a 100,…, ou mesmo o percorrido do pedal do gas e moitos máis, todo nunha interfaz moi coidada que se pode modificar conforme as necesidades de información de cada un.

Fago unha lista
- Nokia Internet Tablet
- Coche con OBD-II
- Scanner OBD-II con bluetooth
e só me falta unha cousa e hai ducias de poxas en ebay que rematan nuns días.

E a cousa promete,
In the future, we still want to connect Carman and Canola, have both as opensource and this is the first step.
P.S. de versións previas de Carman, con video, hai post en inglés, se é que non me sabes galego.
Fotos dun verán
7 Setembro 2008
Pola rede local viaxan as fotos que veño de organizar, copia de seguridade lle din. Levar nunha chave USB outra copia para deixar fóra de casa podería parecer paranoia; logo deixa de parecelo ao saber que as fotos estiveron todo o verán nunha taxeta SD.
A primeira, o agasallo do padriño que todos quixemos ter, un que se preste a comprar en ebay.

E a última, o motivo polo que o Toshiba Satellite 230CX, ao que non lle mirei o dente, non se fai amigo de Linux.

Entre as dúas, a lembranza dun verán.
Crime nas pozas do Tamuxe
28 Agosto 2008
Hai catro anos escribía nesta páxina o que vai pegado a continuación,
Teremos que ir ben equipados para pasar o día nun paraíso natural que o ten todo, temos sol, temos sombra, temos auga e temos beleza. Non hai sitio para moita xente e habitualmente todo o mundo está espido, os únicos sons son os dun río bravo fluindo por unha fervenza abaixo. Todas e cadansúa vez que alí paramos, séntome nunha pedra do outro lado da poza e ollando a bravura da natureza sempre penso que estou no paraíso.
Aquel día foi a última vez que estivemos nas pozas do rio Tamuxe, ou Carballa, como tamén lle chaman os nativos, ou Vilachán, como lle chaman ao rego que enche o encoro que hai máis arriba; un paraíso da natureza tan lonxe da civilización que apenas chegaba a cobertura das operadoras móbiles portuguesas. Malia os quilómetros a percorrer para chegar aló, eran moitos os días que escapabamos alí nos veráns e, desde aquela, non pasou un verán no que non tentase á mamá de opedro a irmos, malia saber que opedro aínda non é quen de baixar por aquelas costas por entre os eucaliptos, nin de gabear polas pedras, nin tampouco de nadar.
Así, desde que hai dous meses comezou a sair información na prensa da desfeita ecolóxica provocada por Hidrotide, a explotadora do encoro de Vilachán, vou seguindo toda canta información atopo sobre o caso.

Mentres, ver algunhas fotos publicadas por Anabam, asociación naturalista do Baixo Miño, foi suficiente para que a alma me caese aos pés.
Agora sei que onde había pozas, auténticas piscinas naturais de pedra do país con profundidades de ata cinco ou seis metros, como a poza do Arco, das máis grandes e de acceso menos difícil, non hai nada máis que area e lama, un lameiro que os da comunidade de montes aínda contaban que o caudal do río recuperase para si, pero non foi así e, dous meses despois, os titulares da prensa son que Oia queda sen as pozas do Tamuxe.
Nós poderemos ir a outro río ou a outro mar a pasar o tempo de ocio, pero nin as troitas, nin os cabaliños do demo, nin as ras nin o resto da fauna coa que compartiamos o día puideron escoller.
Nada se sabe da consellería de medio ambiente nin da súa investigación, nin das medidas que van tomar para recuperar a zona, nada se sabe do que vai facer a empresa que xestiona o encoro; ben, da empresa agardamos pouca cousa, sabemos que se chama Hidrotide e que está constituida como unha agrupación de interés económico (nada máis e nada menos); así, agardarán pagar unha sanción ridícula e que o tempo o cure todo e que ninguén lembre aquel paraiso desaparecido.
E mentres as sancións para estas desfeitas ecolóxicas non sexan exemplares, xa se sabe, o crime seguirá a compensarlle ao criminal, ou é que ninguén lembra xa o do Prestige?
P.S. copio e pego da saúda do Manuel Vázquez, Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Se a conservación do medio ambiente e o entorno natural é un labor de todos, no que atinxe a esta Consellería que dirixo é unha obriga que nos esixe un esforzo constante na súa protección, conservación e rexeneración.
Are you kidding me?
Señor conselleiro, ACORDE, CONA!!!!! e déanos boas novas
Mapa do desexo
21 Agosto 2008
Espectacular o traballo que se pode ver en fleshmap, un exercicio de visulización xurdido do traballo de Fernanda Viegas, Martin Wattenberg e mais a xente de Dolores Labs ao que cheguei desde un post en information aesthetics, que nos amosa o corpo humano desde tres ópticas diferentes, a do tacto, a da vista e mais a do oido.
A sección do tacto, Touch, baseándose nos datos colleitados entre centos de persoas, amosa un retrato colectivo do desexo. Así, en Skin to Skin, compara homes e mulleres segundo as áreas onde prefiren tocar á súa parella e ser tocados por ela, para amosar logo en Sorting out Desire, un atlas da excitación.

A sección Look explora a multiplicidade de formas que adopta unha mesma parte do corpo en diferentes persoas; a disposición do pelo ao redor dos pezóns dos homes e a disposición e tamaño do pezón e a aureola no caso das mulleres, unha vez abstraídos da pel que os rodea e o corpo que os integra.

A sección Listen amosa, baseándose nunha mostra de máis de mil cancións, con que frecuencia algunha parte do corpo é mencionada nas letras de estas segundo xéneros musicais. Por certo, saberías dicir cal é a coluna que fai referencia ao hip-hop?

Todo o proxecto é interactivo, así que recomendo facer unha visita aló pois as imaxes non lle fan xustiza ao proxecto. Paga a pena adicarlle un tempo a exploralo.